miércoles, 16 de octubre de 2013

CHARLA CON SANTIAGO PÉREZ, ORGANIZADOR DO TORNEO 'ENTRE FAROS'

"Queremos que sexa o torneo do norte de España e para iso hai que traballar"



Logo de dez días, ademais dos meses previos, de intensa actividade xadrecística na Costa da Morte con cinco grandes mestres internacionais, Santiago Pérez, impulsor da idea pioneira dun torneo de alta competición xogado nos faros e organizador principal do evento, nota o cansancio do ritmo vivido pero tamén "emoción, anque sempre hai falliños, e máis sendo a primeira vez dun campionato coma este, no que hai que estar atento a mil cousas". Santi, que contou en todo momento coa axuda do seu fillo, tamén chamado Santi, é o responsable do Club de Xadrez Cabo Touriñán e percebeiro de profesión. Unha das súas ilusións era facer un torneo importante en Muxía, e chamando a varias portas ao final logrouno. Nos faros de Fisterra, Camariñas e Muxía, finalmente.
-¿Contento co resultado?
-Si, bueno, un ve fallos pero creo que tivo moi boa acollida, con moito alcance en Galicia e fóra de Galicia. O que queremos é seguir e que se convirta, se pode ser, no torneo do norte de España. Para iso hai que traballar e xa estamos pensando no do ano que vén.
-¿Que tal cos grandes mestres?
-Mellor do que un esperaba. É xente moi sinxela e pasamos moito tempo xuntos. Incluso xogamos ao futbolín en Fisterra. Nos últimos días viñeron amigos do xogador galego, Iván Salgado, de Ourense, a animalo a Muxía. Fixemos rutas aos faros, visitas aos colexios, aos rapaces gustáballes moito cando xogan sin mirar para o taboleiro, e ao saber que son xogadores de verdade pois failles ilusión.
-¿Cantos son agora no Club Cabo Touriñán?
-Algo máis de trinta. O club estivo cerrado un tempo pero hai uns anos que o volvín a coller. Gústame moito e gústame que a xente se anime a xogar e a ir ás competicións.
-¿Cando empezou vostede?
-Se digo a verdade non me acordo, sei que de neno xogaba xa aquí en Muxía. Emigrei a Suiza e alí, en Lichtenstein, no local dos galegos, dabamos clases. Tamén fixen un curso pola federación, creo, que impartira Paco Abella, aquí en Muxía. Logo xa co club é algo normal para min. Logrei mantelo e competir, levar os nenos a xogar contra outros equipos, algo no que tamén me axudou un profesor de Santiago. Hai que andar todos os fins de semana por aí, pero paga a pena.
-¿Por que quería facer un torneo coma 'Entre Faros'?
-Penseino moitas veces, por imaxinar un campionato nesta zona tan chula. Deuse a oportunidade dos contactos cos máis grandes, unha axuda fundamental porque eu só non podería, e as autoridades que nos axudaron economicamente entenderon a idea, que iso tamén foi importante, porque sin esa axuda non poderiamos facelo. Por non falar de todo o equipo de colaboradores. Con toda a xente que nos seguiu de moitos puntos distintos creo que puxemos a esta zona un pouco máis no mapa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario