sábado, 12 de octubre de 2013

FAROS, MAR E VIDA

Conferencia en Camariñas de Ángel Carracedo, científico de A Costa da Morte

O número un de Europa en Xenética
e Medicina Legal, que acumula premios na súa disciplina e avanza no mapa da actividade do xenoma humano (que será clave para tratar moitas doenzas no futuro), pensou nalgún momento da súa vida en ser fareiro, coma os seus irmáns. Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, profesor na Universidade de Santiago e director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, pasa na actualidade moito tempo viaxando,de país en país, debido aos proxectos de investigación e ás súas tarefas vinculadas á ciencia, ademáis da súa actividade na institución académica compostelana. 
Parte da súa vida estivo ligada a Faro Vilán, polo traballo dos seus irmáns, cos que xogaba ao xadrez de neno, e un pouco máis maior a cegas, con partidas vía telefónica cantando os movementos das pezas. Porque Carracedo tamén é xogador afeccionado, como contou esta semana en Camariñas nunha conferencia sobre faros, mar e vida, presentada por Rosalía Fernández, poeta de Muxía. Foi no marco das actividades paralelas do torneo 'Entre Faros', iniciativa que Carracedo aplaudiu desde que escoitou a idea, por esa tradición xadrecística da zona e polo seu cariño aos faros e ao mar. Atraíalle a soidade de ser fareiro, a calma que transmite o mar; unha sensación similar a cando pescaba en Louro na súa xuventude, momentos que recordou en Camariñas, nunha charla na que falou incluso de como se pode ver o ADN dos guisantes, cun sinxelo truco caseiro. 
Finalmente o seu interese polo oficio de fareiro non foi adiante e optou por Medicina, sempre ligado á área de investigación, desde o principio. Os faros e o mar están moi presentes na vida deste científico galego de alcance mundial.